Saturday 18 de May de 2024

Os comerciantes de Ordes sortearán o maior premio ofrecido ata o de agora polo gremio no municipio


Son máis de 3.000 euros en premios. Para poder participar é necesario facer un mínimo de 4 compras nalgún dos 107 establecementos que forman parte do grupo Merca en Ordes. A campaña, na que tamén colabora o Concello, ten como obxectivo activar as vendas de Nadal
Os comerciantes de Ordes teñen organizado para este Nadal o maior sorteo no municipio, realizado de maneira conxunta por parte do gremio.
En total sortearase un escaparate valorado en máis de 3000 €, grazas ás doazóns efectuadas por todos os establecementos que a día de hoxe compoñen o grupo Merca en Ordes. Cada un deles entregará un vale valorado nun mínimo de 30 euros intercambiable no establecemento. En total extraeranse 3 papeletas xa que o premio se dividirá en tres partes, cada unha delas valorada en máis de 1.000 euros. O sorteo levarase a cabo o vindeiro 13 de xaneiro ás 11 horas na emisora local Radio Ordes, e será retransmitido en directo.
A participación é aberta a todas e todos os que realicen as súas compras en Ordes, ou ben consuman nalgún dos bares e restaurantes incluídos. Cada un deles selará unha das catro cuadrículas que aparecen nas papeletas do sorteo, as cales se poderán conseguir nos mesmos establecementos. Cantas máis papeletas se completen maiores serán as posibilidades.
A iniciativa está a espertar un grandísimo interese entre toda a poboación ordense, ademais da doutras localidades próximas. Sobre todo dende que esta pasada semana se instalara o grande escaparate que anuncia esta enxeñosa campaña na rúa Alfonso Senra, unha das máis transitadas da vila ordense. Con todo isto o comercio e a hostalaría local queren incentivar o consumo do lugar nestas festas de Nadal. En total hai que falar de 107 negocios de todo tipo, ademais doutros que a pesar de non entrar no sorteo tamén quixeron contribuír, como é o caso das farmacias da zona.
Para facer posible esta idea a organización tamén contou coa colaboración do Concello de Ordes.